skip to main | skip to sidebar

3 de mai. de 2012

[Mar por Medio] Eleccións á alcaldía de Londres. Boris vs ‘Red’ Ken: os personaxes

1 comentários
CC BY-NC Lewishamdreamer

O Reino vai de eleccións! Todo? Non, só algunhas localidades. Se o outro día Xabier falou de Escocia, hoxe tócame a min falar de Inglaterra. Concretamente de Londres.

O sistema de goberno municipal que teñen aquí é cousa moi complicada. O aparello de estado é moi vello e herdan estruturas de tempo atrás. E iso nótase no día a día.

Para simplificar, deixémolo en que unha das cousas que van elixir é o alcalde de Londres. Este é un cargo que se creou moi recentemente, no ano 2000 para ser exactos, e desde entón só dúas persoas o ocuparon. O laborista Ken Livingstone nas dúas primeiras lexislaturas, e o conservador Boris Johnson nesta última. E son estes dous os que se baten hoxe outra vez.

Non me gusta caer no bipartidismo, hai máis candidatos, pero é que estes merecen un post. Tanto un coma outro, son dos “personaxes” máis particulares da política do Reino (co permiso de George Galloway), así que ídesme permitir que ignore un pouco aos outros contendentes e vos faga un breve perfil destes dous.

Boris
Boris, só Boris. Así é como o coñecen en Londres. Non é algo moi habitual chamar aos políticos polo nome de pila, pero é que non estamos a falar dun político corrente.

Xa a súa imaxe sorprende. Co pelo sempre enredado, pódelo ver chegar a calquera lado na súa bicicleta e cunha mochila ás costas. En moitas ocasións definírono como “bufón” por mor da súa excentricidade, o seu sentido do humor e as súas saídas de ton. E que estamos a falar dun home que chegou a dicir que votar aos conservadores facía que “a túa muller tivera os peitos máis grandes” e que aumentaba as posibilidades de “conseguir un BMW M3”. Poderiades pensar que é unha especie de Conde Roa á inglesa, pero coido que ten máis elegancia.

Entrada completa no blog Mar por Medio de Praza Pública

29 de abr. de 2012

[Mar por medio] Outra volta no escándalo dos medios ingleses

0 comentários
Anda a política do Reino revolta. Non sei se lembraredes, pero hai xa un tempo The Guardian sacou á luz un escándalo relacionado coa prensa sensacionalista. Resulta que o tabloide News of the World estivera accedendo ilegalmente a mensaxes de contestador de teléfonos privados, incluídos os dunha menor que fora asasinada nun caso bastante truculento.

E vaia a que se armou! Para comezar pechou o periódico, e iso que era unha cabeceira histórica e a máis lida nas fins de semana. A partir de aí comezouse a cuestionar as relacións entre prensa e poder, xa que este asunto salpicaba tamén a políticos e policías. Os máis prexudicados foron o Partido Conservador e a todopoderosa News Corporation, propiedade do magnate australiano Rupert Murdoch e dona dalgúns dos principais medios do UK: The Sun, The Times, BSkyB ou o propio News of the World.

Continúa no blog Mar por Medio de Praza Pública

23 de abr. de 2012

Como elixe a BBC a súa dirección?

0 comentários
A British Broadcasting Corporation probabelmente sexa a compañía de radiotelevisión pública máis famosa do mundo. Moitas veces ponse como exemplo de independencia informativa fronte aos gobernos, o que lle dá un grao de credibilidade que soborda as fronteiras do Reino Unido.

Fonte: BBC

Agora que no Estado Español se acaba de modificar o procedemento de elección do presidente de RTVE, paréceme interesante botarlle un ollo a como a BBC elixe a súa dirección. O principal órgano de goberno da corporación é o Trust, que actualmente está conformado por 12 persoas, incluíndo ao presidente e á vicepresidenta. Enumerar a totalidade das súas funcións sería tedioso e pouco útil, pero si que cómpre destacar unhas cantas:

  • Representar os intereses dos telespectadores e radioouvintes, que son os que financian a BBC a través dunha taxa
  • Asegurar a independencia da corporación
  • Administrar rigorosamente os cartos públicos
  • Fixar a dirección estratéxica da BBC e aprobar os seus orzamentos
  • Controlar a actividade do comité executivo, que é quen leva a dirección da cadea no día a día.
Pero como se elixen aos membros do Trust? 

Tecnicamente, e seguindo esa parafernalia resesa das monarquías, os membros do Trust da BBC son elixidos pola raíña. Afortunadamente isto é unha formalidade e o proceso é bastante máis aberto e democrático.

Na práctica, a responsabilidade recae no Departamento de Cultura, Medios e Deporte que ten que anunciar publicamente cando queda unha praza vacante no trust.

A BBC fixa uns criterios moi xerais que debe cumprir todo aspirante que queira entrar no seu Trust, ao que hai que sumar a obrigatoriedade de contar con representantes das catro nacións que conforman o Reino.

O proceso de selección ten en conta os méritos dos solicitantes e son avaliados por un tribunal presidido por un alto funcionario do Departamento de Cultura, Medios e Deporte e no que tamén participan un experto independente e o presidente do Trust.


En que se diferencia isto de RTVE?

Pois fundamentalmente na filosofía. Para manter a independencia da súa compañía de radiotelevisión pública, o Reino Unido apostou por profesionalizar o consello de administración e arredalo tanto do goberno como do parlamento.

Pola contra, no Estado Español enténdese que a pluralidade depende de que entidade política nomee os cargos. Considerouse un avance nesta materia que o Consello de Administración de RTVE fose elixido polo congreso, o senado e que se tivesen en conta as propostas dos sindicatos.

Por último, inflúe moito de onde recibe financiamento cada unha das compañías. A BBC está principalmente financiada polos seus espectadores, mentres que RTVE depende exclusivamente das achegas do goberno, sobre todo agora que non se renunciou á publicidade.

Non acredito en copiar e pegar modelos, pero neste tipo de debates, sempre é útil erguer a cabeza e mirar que se fai na nosa contorna para, polo menos, avaliar algunha idea que pode ser útil.

19 de abr. de 2012

Algúns apuntamentos para a esquerda do século XXI

0 comentários
Hai xa cousa de dous anos, Ignacio Ramonet escribiu un artigo titulado “Socialdemocracia, fin de ciclo” no que vaticinaba a fin deste movemento político.

As ideas tamén morren. O cemiterio dos partidos políticos soborda de tumbas onde xacen os restos de organizacións que outrora desataron paixóns, moveron a multitudes e hoxe son pasto do esquecemento. Quen se acorda en Europa, por exemplo, do Radicalismo? (...) Que foi do Anarquismo? Ou do Comunismo estaliniano? Que foi daqueles formidábeis movementos populares capaces de mobilizar a millóns de campesiños e obreiros? Que foron senón desatinos?

Polos seus propios abandonos, abxuracións e renuncias, á socialdemocracia europea tócalle hoxe verse arrastrada cara ao sepulcro...O seu ciclo de vida parece rematar.


Máis aló de entrar a valorar o contido do artigo, gustaríame sinalar un punto que no seu momento me pareceu bastante chocante pero cheo de razón: as ideas tamén morren.

En certo sentido, isto é o que lle está a acontecer á esquerda europea desde hai máis de 20 anos. Pode que os valores de xustiza e igualdade que a fundamentan sigan a estar plenamente vixentes, pero os movementos políticos que os sustentaron durante o século XX non son máis ca unha sombra do que foron.

Dun xeito moi esquemático poderíamos afirmar que nos últimos cen anos a esquerda europea pivotou sobre dous grandes polos: o socialdemócrata e o comunista. O posicionamento sobre a I Guerra Mundial, a Revolución Bolchevique, a dicotomía entre reforma ou revolución e as teses de Eduard Bernstein foron algúns dos motivos que levaron á división dun movemento que permanecera relativamente unido durante o século XIX.


Leónidas Brezhnev (URSS) con Willy Brandt (RFA)

Os partidos socialistas foron capaces de formar goberno nos países occidentais e aplicaron un programa de reformas máis ou menos ambicioso que, entre outras cousas, foi fundamental para a creación do estado do benestar. Sistemas de ensino públicos e gratuítos, sanidade universal, axudas de desemprego...En todas estas políticas foi fundamental a acción da socialdemocracia.

Pola súa banda, os comunistas dominaron o leste do continente durante décadas acadando graos de redistribución da riqueza nunca vistos. Ademais foron un importante contrapeso na política mundial que abriu a posibilidade de reformas sociais no bloque capitalista.

Nos países occidentais os Partidos Comunistas tiveron un rol moi importante nas mobilizacións populares e estiveron á vangarda das reivindicacións máis progresistas, chegando a acadar importantes cotas de apoio. Aí temos os resultados electorais do PCI de Berlinguer en Italia, ou o papel determinante do PCP na Revolución dos Caraveis en Portugal.


"A ameaza vermella" Enrico Berlinguer na portada da revista Time


Mais é evidente que ningún dos dous polos está no seu mellor momento a día de hoxe. Gústame dicir que mentres que o movemento comunista tivo unha morte abrupta coa caída da URSS, a socialdemocracia foi esmorecendo progresivamente ao aceptar as propostas neoliberais a partir dos anos 80.

Coido que dun xeito ou doutro, ámbolos dous movementos fracasaron. A socialdemocracia renunciou á superación co capitalismo a través da reforma e limitouse a paliar algúns dos seus efectos máis nocivos. Porén, foi cómplice e mesmo axente activo nos excesos que se cometeron na periferia do sistema. Mesmo finalmente, xa sen o contrapeso da URSS, aplicou unha política económica cuspidiña á da dereita. Aí temos os gobernos de Blair no Reino Unido, Schröder na Alemaña ou o propio Zapatero no Estado Español.

Zapatero defendendo a reforma laboral

Nos países comunistas sacrificáronse as liberdades e dereitos civís que tradicionalmente foran reivindicacións da esquerda, e outorgóuselle o control do aparello do estado a unha caste burocrática organizada a través do partido.

A fractura entre gobernantes e gobernados foi tal, que o bloque soviético non caeu por acción exterior, senón que colapsou internamente. Como recordaba o marxista arxentino Atilio Borón, “derrubouse sen un só disparo e ante a incríbel indiferenza da poboación”

A onda expansiva da URSS afectou a todos os partidos do entorno que, perdido o gran referente, foron ocupando posicións cada vez máis residuais. Os outrora poderosos PCF ou PCI, hoxe están desaparecidos ou son totalmente irrelevantes. Nalgúns países, como Grecia ou Portugal, resistiron mellor e aínda xogan un papel importante na mobilización social, mais son incapaces de medrar máis alá da súa base tradicional.

E agora que facemos?

Nun contexto de crise económica como o actual, as propostas políticas da esquerda bótanse de menos. E moito.

Semella que comezan a agromar algunhas alternativas esperanzadoras. Por exemplo a Front de Gauche que este domingo apoia a candidatura de Jean-Luc Mélenchon á presidencia de Francia. Pero aínda son proxectos bastante incipientes e está por ver se son capaces de manter a súa continuidade no tempo.

En cada momento a histórico a esquerda dotouse da ferramenta política e do programa que resultaban máis acaido. As ortodoxias e as
posturas inamovíbeis nunca lle foron útiles aos movementos progresistas.

Neste contexto, faise necesario construír unha alternativa programática e partidaria para a esquerda do século XXI. E nisto os vellos prexuízos non axudan. O propio Melénchon aborda este tema nunha entrevista que lle fixeron recentemente no xornal arxentino Página/12

É preciso que a nosa esquerda cure a manía das querelas teolóxicas, das discusións aterradoras sen fin. É preciso ter unha práctica racional. En canto se presenta unha dificultade, trátase de deconstruíla, de deconstruír o seu contido e volver construír cos útiles que funcionan. É imposíbel separar a práctica do traballo teórico. Teño unha intuición, unha sorte de certeza histórica e política: a clase traballadora está chea de ideas, de coñecemento, dunha mirada de experto. É unha fonte fabulosa! A dialéctica do intercambio permítenos progresar.

E finalmente engade un razoamento moi útil para construír calquera alternativa:

Ás veces hai que tomar o vello vocabulario, poñelo a un lado, volver comezar desde cero como si acabáramos de nacer. A través das palabras podemos crear unha gramática nova, unha síntese nova e converxencias extraordinarias.

Reforma ou revolución?

Reforma e revolución. As dúas. Coido que un dos retos da esquerda para este século e aprender dos erros que a precederon. A socialdemocracia foi totalmente incapaz de facer as propostas necesarias para superar o sistema democrático liberal e o modo de produción capitalista, e o movemento comunista non soubo empregar o aparello institucional para levar adiante parte do seu programa.

Diante da pregunta de se a esquerda se volveu reformista, a socióloga chilena Marta Harnecker escribiu o seguinte:

Paréceme que a mellor definición é aquela que designa como reformistas aos que mediante as reformas buscan perfeccionar a actual orde existente e como revolucionarios a aqueles que, ao impulsar as reformas, loitan ao mesmo tempo por modificala profundamente, cambio que non pode producirse sen unha ruptura coa orde anterior.

A esquerda do século XXI ten que ser capaz de combinar un programa de reformas dentro do marco existente e á vez poñer os alicerces que permitan superalo.

Neste sentido, as persoas de tradición socialdemócrata teñen que perder o medo a denunciar un sistema que se demostrou inxusto, mentres que os de tradición comunista teñen que se atrever a asumir responsabilidades institucionais e traballar dentro do marco.

Por iso é tan importante contar cun bo programa. Hai que presentarlle á sociedade unha serie de propostas que se poidan aplicar desde as institucións co actual aparello legal. Non é bo crear expectativas que logo non son se poden cumprir. Cómpre ter claro que se pode facer e que non en cada ámbito de poder. Non é igual a política municipal que a nacional ou a estatal. Cada institución precisa das súas propias liñas programáticas.

Xunto coas reformas, desde os gobernos hai que promover as iniciativas que abran campo para outro marco político e económico. Non é casualidade que os primeiros gobernos de Chávez tivesen como obxectivo redactar unha nova constitución. E sen irnos tan lonxe, a Front de Gauche de Mélenchon está a facer un chamado para constituír a VI República francesa. Mais isto non se acada se non hai unha masa social que o soporte.

Nin o institucionalismo da socialdemocracia nin o dirixismo dos PCs

O traballo nos movementos sociais, na sociedade civil, ten que ser un dos piares básicos de calquera organización de esquerda. Gustoume unha frase que dixo Tony Benn, un histórico laborista inglés, cando abandonou a Cámara dos Comúns:

“Deixo o parlamento para poder ter máis tempo para a política”

Porque faise moita política desde fóra das institucións, e isto é algo que a socialdemocracia esqueceu hai tempo. Hai tanto tempo que só velliños como Tony Benn parecen lembrar.

Mais tampouco vale entender aos movementos sociais como correas de transmisión das consignas partidarias. Existe un enorme potencial creador na cidadanía que as organizacións de esquerda teñen que fomentar e empregar.

O sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos tratou este tema nun artigo que lin hai un tempo:

Os partidos que foron moldeados pola idea da teoría de vangarda non son hoxe partidos nin de vangarda nin de retagarda. Son de feito partidos burocráticos que cando están na oposición resisten fortemente o status quo, pero non teñen alternativa, e que cando están no poder, resisten fortemente ao xurdimento de alternativa. Como reemprazo do partido de vangarda habería que crear un ou máis partidos de retagarda que acompañen o fermento de activismo social que se xera cando os resultado da participación popular democrática se fan transparente até para os que aínda non participan e que, deste xeito, son atraidos a participar.


Para erguer unha esquerda do século XXI fai falla que comecemos a pensar desde a perspectiva deste tempo. Do pasado hai que aprender pero non vale de nada herdar os erros. Quédome coa idea que daba Mélenchon: descontruamos os problemas para construír as alternativas.



Foto 1 © Bettmann/CORBIS
Foto 2 © Time
Foto 3 © AFP/Thomas Samson
Foto 4

18 de abr. de 2012

Que queren dicir realmente os argumentos en contra de nacionalizar YPF?

0 comentários
Vaia lea que se armou con iso de nacionalizar YPF. Parece que desta volta Cristina Kirchner conseguiu cabrear ao establishment político e mediático español, que saíu en bloque a defender os intereses de Repsol.

O máis interesante de todo isto parécenme os argumentos en contra da decisión do goberno de Arxentina. Despois de debullalos un pouquiño, estas son as divertidas conclusións que saquei:

1º. Só é nacionalizábel aquilo que dá perdas.
Mariano Rajoy deixouno moi claro no Foro Económico Mundial: “non hai ningunha razón económica para a expropiación”.

Pola contra, si que as había para nacionalizar Aerolineas Argentinas, unha empresa ruinosa que era propiedade do Grupo Marsans e que está baixo control público desde 2008. Daquela non foi un problema.

O mesmo acontece no Estado Español, onde unha parte significativa de bancos e caixas de aforros foron intervidas polo tesouro público. Porén, non se escoita nin unha palabra sobre que o goberno recupere o control de Telefónica, empresa privatizada no goberno de Aznar e amplamente lucrativa.


Daniel Paz & Rudy en Página/12

2º. O interese nacional reside nas grandes empresas.
Neste caso Rajoy tamén foi moi contundente: “alí onde haxa unha empresa española, alí estará o goberno”.

Porén, non lembro ningún goberno, nin do PP nin do PSOE, que fose tan forte defendendo os “intereses nacionais” fronte a Europa ou iso que chaman “mercados”. Se cadra porque a política de recortes que impuxeron non afecta a Endesa, a Inditex ou a Telefónica.

3º. O interese dunha empresa equivale ao dun Estado
Constantemente se falou dos “intereses españois en Arxentina” pero realmente quen se beneficia do negocio petroleiro son os accionistas de Repsol, que por certo non son só do Estado Español.

O conxunto da cidadanía non se ve afectada polo cambio de titularidade en YPF, polo tanto facer converxer os intereses de Repsol cos do conxunto do Estado é un razoamento bastante perverso.

4º. Recuperar o control dun recurso natural é espoliar
YPF era unha empresa controlada por capital privado cuxos beneficios ían a parar a persoas que vivían noutras latitudes.

Tradicionalmente sería isto o que levaría o cualificativo de espolio. Porén, para medios como ABC ou Cinco Días o goberno de Kirchner é o que está espoliando ao Estado Español dalgún xeito que non logro entender.

16 de abr. de 2012

Entrevista sobre o futuro do xornalismo

0 comentários
Hai unhas semanas, a xornalista Vanesa Oliveira fíxome unha entrevista para publicar no Dioivo para reflexionar sobre o futuro da profesión nun contexto cambiante. Como sabedes, encántame divagar, outra cousa é que sexa interesante o que digo ou non. Xulgades vós mesmos.

Cómpre rachar a filosofía do xornalismo coma fonte de cartos
Duarte Romero comezou na rede con Revolta Rockeira que pechou o ano pasado para abrir Que Ben Quedei. Tamén contribúe en Tempos Dixital, facendo parte do seu consello de redacción desde o seu relanzamento até principios deste ano. En Praza Pública é un dos autores da recén lanzada bitácora tecnolóxica De ceros a uns.

Por que decidiches ser xornalista?
Coido que a miña visión cambiou moito desde que decidín comezar a carreira até hoxe. Ao principio movíame por clixés. Gustábame escribir e tiña moito interese polo que acontecía ao meu redor. Parece que o camiño que mellor encaixaba coas miñas inquedanzas era o do xornalismo.

A día de hoxe teño unha visión máis ampla. Contar historias segue a ser o máis importante do xornalismo, pero as formas mudaron moito. Non podemos entender a comunicación dun xeito unidireccional. Cómpre recoller toda a información que día a día producen os cidadáns, escoitalos e contar as mellores historias do xeito que sexa máis efectivo. E aí entran as novas tecnoloxías e a posibilidade de facer cousas que hai 10 anos semellarían imposíbeis. Se cadra por todo ese camiño que aínda está por percorrer é polo que aínda quero ser xornalista.

Albert Camus contaba, nun artigo recuperado recentemente, que as claves do bo xornalismo eran "lucidez, desobediencia, ironía e obstinación". Cales son para ti?
Asumiría ao 100% estas claves. De feito, non creo que os valores clásicos do xornalismo perdesen vixencia coa aparición de internet, aínda que si que apareceron algúns novos. Como guía persoal, e facendo unha mestura entre o que había antes e o que chega agora, creo que o bo xornalismo ten que ser honesto, multimedia, incómodo, rigoroso e que estabeleza relacións bidireccionais cos lectores.

Os xornalistas perdemos a perspectiva cando traballamos para un medio de comunicación, no sentido de que non nos decatamos que a nosa responsabilidade é coa sociedade, non cos intereses económico-políticos dese medio?
Hei de recoñecer que non teño moita experiencia en redaccións así que tampouco vivín esa especie de metamorfose da que falas. Pero pregúntome se máis que unha identificación do xornalista coa liña do medio, non haberá máis ben unha submisión a eses intereses económico-políticos que sabes non che van permitir facer un periodismo máis responsábel coa sociedade.

Segue no Dioivo

21 de mar. de 2012

[De ceros a uns] Pinterest: a rede social de moda

0 comentários
Esta é miña primeira colaboración no blog De ceros a uns de Praza Pública.

Desde hai xa uns meses non fago outra cousa que escoitar falar de Pinterest, unha rede social que está a arrasar nos Estados Unidos e que, como xa pasou con Twitter e con Facebook, non ha tardar en cruzar o charco e popularizarse en Europa.
En febreiro de 2011 tiña 173.492 visitantes únicos e ao cabo dun ano acadou a incríbel cifra de 16.230.441. O gordo deste crecemento concéntrase desde o último setembro, cun suba do redor de 15 millóns de visitas.
Cuns 12 millóns de usuarios activos, Pinterest gañouse un posto na lista dos 50 mellores sitios web da revista Time e está a marcar tendencia nestes primeiros meses de 2012.
PERO DE QUE VAI PINTEREST?
Poderiamos definila coma un taboleiro social. Cada usuario sobe fotografías ou vídeos que clasifica por temas.
O universo social de Pinterest baséase neses taboleiros temáticos, que poden ser colaborativos e aos que te podes subscribir. Algún medio, como o Wall Street Journal xa o utilizou para compartir galerías fotográficas dun determinado evento, neste caso a New York Fashion Week
As imaxes e vídeos de Pinterest poden estar tiradas doutros sitios ou subidas polo propio usuario e, ao igual que noutras redes moi populares, tes a posibilidade de facer “repin” e compartir cos teus contactos contidointeresante que viches na rede.
Continua en De Ceros a Uns